Cantar Delas nace en Lugo este coro de voces brancas na primavera de 2007, como froito da maduración dunha vella idea, resolta entre Julio Méndez e Fernando Gómez Jácome.
Despois dun breve paréntese para a selección das compoñentes, a tramitación da legalización e duns meses de preparación, preséntase ao público da súa cidade nun concerto que se celebra na Igrexa de San Pedro, o 24 de maio de 2008. A madriña do evento foi a vicepresidenta da Deputación Provincial de Lugo, Lara Méndez López.
Neste mesmo ano compartiu concerto, o día de Santa Cecilia, co coro lucense “Sólo Voces” na Igrexa do Bo Pastor desta cidade. Rematou o acto do pregón de Nadal que fixo o director xeral de “El Progreso”, José de Cora Paradela, o 20 de decembro. Ao día seguinte participou coa interpretación de panxoliñas na Igrexa de Fontiñas, en Lugo.
Neste dous concertos foi a estrea da panxoliña composta por Xoán Montes, “En Belén hai moita festa”.
Rematou o ano asistindo a un curso de técnica vocal dirixido por Julio Domínguez, os días 27 e 28 de decembro. Neste último día, na Igrexa de San Pedro deu un concerto conxunto co coro de voces femininas “Camerata vivace”, de Ponteareas (Pontevedra).
No ano 2009 organiza dous concertos, en maio e novembro, compartidos cos coros San Andrés “Sergio Domingo”, de El Entrego (Asturias) e coa Coral Polifónica de Beluso (Bueu – Pontevedra), localidades onde tamén participa “Cantar delas” con actuacións públicas.
En setembro, as compoñentes do coro participan nun obradoiro de música coral, dirixido por Aiblín Brito e clausurado polo presidente da Federación Coral Galega (FECOGA), Antonio Rey Cornide. Esta entidade foi a patrocinadora desta actividade.
Este colectivo ten como norma o compromiso da mellora constante da súa calidade e o acordo de organizar cada ano uns días a un curso de técnica, aparte da preparación permanente a cargo do seu director.
Tamén canta nun encontro na localidade de Teo (A Coruña), nun concerto a beneficio de UNICEF e outro de panxoliñas na Igrexa de San Antonio, en Lugo.
É importante destacar e agradecer a colaboración permanente da Xunta de Galicia para o desenvolvemento da actividade diaria desta asociación e tamén as axudas puntuais da Fundación Caixa Galicia, Deputación Provincial de Lugo e Concello de Lugo.